A Conta Xeral do 2007 bota por terra o discurso mantido por PP e CxB segundo o cal atoparon o Concello de Betanzos en quebra cando entraron a gobernar o 16 de xuño de 2007. Podes ver que o Concello de Betanzos tiña máis de 2,5 millóns de euros en contas bancarias o 31 de decembro de 2007. O discurso da falta de cartos pretendeu empregarse coma desculpa para a incapacidade e falta de iniciativa do goberno local durante case dous anos.
Betanzos, 1 de abril de 2009. O BNG pon ao teu dispor a totalidade da documentación da Conta Xeral do ano 2007 logo da súa aprobación polo Pleno da Corporación Municipal no serán de onte. Ao longo do documento podes ver os movementos económicos feitos na Administración local no ano 2007, as partidas esgotadas, as que non se tocaron e as que se gastaron por riba dos cartos que tiñan.
A Conta Xeral que de seguido poderás visualizar correspóndese co Orzamento municipal do 2007, que foi impulsado polo BNG e aprobado inicialmente en outubro de 2006, para que entrase en vigor co 1º de xaneiro de 2007, como exixe a lei. De feito, foi o último orzamento aprobado en prazo dado que PP e CxB foron incapaces desde entón de presentar un orzamento anual para que estiver vixente un exercicio completo. O orzamento de 2007 recibiu dúas alegacións- dun promotor ao que había que indemnizar e mais do persoal municipal- que o Pleno debatiu nunha das últimas sesións do pasado mandato. Á vista do informe da Intervención aconsellando admitir ambas reclamacións, o BNG forzou ao PSOE a aceptar as alegacións que querían desbotar, co silenzo indiferente do PP. María Faraldo, daquela voceira do PP na oposición, acusou ao Secretario de falsificar un acta plenaria e culpou a Lagares da marcha do Interventor sostendo que era removido do cargo por non emitir informes do gusto do daquela alcalde. En outubro de 2007 o orzamento é finalmente aprobado cos votos do PP -que asumía un orzamento que antes votara en contra.
A teoría e a literatura especializada de Facenda Pública define o orzamento coma a expresión cifrada, conxunta e sistemática das prioridades dun executivo, contendo a previsión dos gastos e ingresos que conta facer, neste caso, no ano a Entidade Local. Ten de ser orientativo nos ingresos e limitativo nos gastos. Así o asume o ordenamento vixente. A conta xeral, pola súa banda, é o documento contábel que recolle a execución dese orzamento e amosa como se axustaron as previsións de gasto e ingreso á xestión real da Entidade.
O goberno de PP e CxB retivo a conta xeral de 2007 até que se lle fixo imprescindibel a súa aprobación. Entón convocaron unha comisión especial de contas o 16 de xaneiro sen entregar a documentación relativa até 6 horas antes de xuntarse a comisión. O BNG daquela puxo xa enriba da mesa que a conta xeral botaba por terra o discurso que PP e CxB mantiveran sobre a bancarrota municipal, pero denunciou que se conculcaban os dereitos dos representantes do Pobo da Cidade de Betanzos á hora de examinar a conta xeral e coñecer o estado real da Facenda Local. O BNG reclamou que se cumprise o prazo que a Lei de Administración Local de Galiza no seu artigo 212.4 contempla para estes supostos: 15 días para analizar a conta xeral, que o goberno local estaba a violar coa nova convocatoria feita pola alcaldía para unha nova xuntanza da comisión especial de contas o venres 23 de xaneiro, dado que o 16 ficara suspendida. A Alcaldía respostou publicamente con evasivas ás manifestacións do BNG sobre o resultado amosado pola conta xeral de 2007- máis de 2,5 millóns de euros en contas bancarias municipais a 31 de decembro e peche de exercicio con máis de 1,5 millóns de euros de remanente positivo de tesourería.
O Grupo Municipal de CxB emitiu unha nota de prensa acusando ao BNG de “usurpar derechos” nunha “actitud bochornosa” e afirmando sen rubor que “contrariamente a lo que afirma el partido nacionalista la ley no le garantiza 15 días previos para visualizar la Cuenta General del 2007 antes de la Comisión”. Non houbo desculpa pública destas graves descualificacións á vista de que cometeran un erro e, logo do recurso interposto polo BNG, houbo que suspender esa convocatoria ilegal e convocar no prazo de 15 días que o ordenamento prevé.
O PP desde que toma posesión da alcaldía o 16 de xuño de 2007, sostén un discurso que pivota na idea de que atoparon un concello en bancarrota, sen cartos. CxB tamén se sumou con entusiasmo a este discurso que falta á verdade. Esta foi a letanía empregada en cada ocasión que a oposición cuestionou a falta de mantemento do mobiliario público, de limpeza viaria, de programación cultural ou para a mocidade, subvencións a asociacións e entidades, ... Cando o BNG fixo público o dato de que a 31 de decembro de 2007 o Concello tiña máis de 2,5 millóns de euros en contas bancarias e pechaba o exercicio con máis de 1,5 millóns de euros de remanente positivo de tesourería o goberno local colgou na web municipal un informe do Interventor que fai parte da documentación da conta xeral. Un documento que non era público pero que se filtraba interesadamente porque era o único documento que podía servir para xustificar a mentira que o PP construíra sobre o estado da facenda local e que CxB apoiou sen dubidar e sen verificar. E este propio documento debera sonroxar aos grupos que conforman o goberno local porque demostra tamén que non é certo que atopasen o concello sen cartos: o Interventor dá conta de que o grao de execución do orzamento ao rematar o ano foi do 59,16%- fica claro que se a cifra é de fin de ano, moito menos podía estar gastado o 100% a 16 de xuño como anunciou a alcaldesa ao pouco de tomar posesión do cargo. Nos anos anteriores que figuran no informe, como podes ver na páxina 192 do documento anexo, executouse un 74,55% de media.
Ao longo do documento anexo podes comprobar que moitas das denuncias que ten feito o BNG sobre o xeito de gobernar de PP e CxB veñen avaladas polos números que arroxa a Conta Xeral. Así, o goberno do PP ten disparado os gastos en protocolo, publicidade e partidas máis difusas denominadas "gastos varios". Estes gastos en publicidade e propaganda chegaron a duplicar e triplicar a previsión fixada no orzamento. Tamén se dispararon os gastos en festas e en feiras turísticas - cómpre lembrar que contra estas partidas foron gastos cuestionables coma o pregón de 3.000€ de Paloma Lago nas festas patronais dese ano 2007 ou o derroche na primeira festa da tortilla, que María Faraldo nunha carta ao BNG situaba por riba dos 27.000€ (segue a esconder as facturas desde evento co cal é de supoñer que o importe aínda é maior).
Pola contra, en 2007 o goberno local encabezado por María Faraldo non cubriu as súas obrigas abonando os convenios subscritos no seu día co Centro Betanzos de Bos Aires ou a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Betanzos-Centro Comercial Aberto. Tampouco se investiu na organización de cursos no Centro Municipal de Formación Ocupacional, que o BNG deixara a pleno rendemento e con máis de 200 alumnos no último curso enteiro que xestionara. Quedaron sen executar investimentos previstos en relación ao Plan de Obras e Servizos da Deputación e mais ao Plan Municipal de Mantemento. É sintomática a reducción operada no investimento municipal en mocidade, que anticipaba o recurte orzamentario que logo fixeron PP e CxB.
O goberno municipal encabezado por María Faraldo tamén foi neglixente, e así o amosa a conta xeral, no tocante aos ingresos que lle correspondía percibir á Facenda municipal. Podes observar como en 2007 o goberno local non cobra o aluguer da parte alta do mercado municipal- unha operación feita polo PSOE nos derradeiros compases da súa maioría absoluta que o BNG combatiu enerxicamente. A 31 de decembro de 2007 os arrendatarios do Cine Alfonsetti non pagaran a renda de pouco menos de 100 euros anuais. Sen embargo, no canto de denegar expresamente a prórroga anual do aluguer desta sala municipal, nesas datas PP e CxB aprobaban unha indemnización millonaria para a familia do ex-conselleiro do PP Jaime Pita que no BNG vemos fóra de lugar.
O BNG pon ao teu dispor a totalidade da Conta Xeral de 2007, case catrocentos folios que amosan todo o movemento contábel do Concello de Betanzos no ano 2007. Podes consultala nos seguintes enlaces:
- primeira parte
- segunda parte.
- terceira parte.
- cuarta parte.
- quinta parte.