O BNG CONSIGUE 13,7 MILLÓNS DE EUROS MÁIS PARA LUGO (13 de decembro de 2006)
O BNG consegue 10 millóns para desenvolvemento rural, 2 millóns máis para a nova ponte, 1 millón para a autovía Lugo-Santiago, 300.000 euros para o saneamento do río Miño e 350.000 euros para o corredor Barreiros-San Cibrao
O Bloque Nacionalista Galego vén de conseguir un incremento de 64 millóns de euros nos Orzamentos do Estado de 2007 para Galicia. Desa cantidade, 13,7 millóns son para a provincia de Lugo.
O voceiro do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Rodríguez, explicou en Lugo, acompañado do voceiro no Concello, Xosé Anxo Lage, e do voceiro na Deputación, Antón Bao, como foi o proceso para lograr o incremento nas partidas propostas inicialmente polo Ministerio de Fomento. Francisco Rodríguez destacou o "logro" do BNG, que con só dous deputados en Madrid, conseguiu 60 millóns de euros máis para Galicia (10.000 millóns das antigas pesetas), moito máis do logrado polo PVN para Euskadi ou por CiU para Cataluña, a pesares de ter un peso representativo maior no Congreso dos Deputados.
Postura “inconformista pero construtiva”
Antón Bao, voceiro do BNG na Deputación, loubou a postura “inconformista pero construtiva” do BNG durante a negociación co Goberno de Zapatero en Madrid. Fixo unha análise das melloras logradas polos nacionalistas para a provincia: 10 millóns de euros para o sector agrario, 2 millóns de euros para a nova ponte sobre o Miño, 1 millón de euros para a Autovía Lugo-Santiago e 350.000 euros para o corredor Barreiros-San Cibrao. “Estes cartos servirán, dixo Bao, para iniciar proxectos pendentes, para impulsar proxectos atascados e para atender algún caso escandaloso, que levaba incluso á broma, como o caso da ponte”, dixo o voceiro do BNG na Deputación.
Sen embargo, pese ao incremento logrado, o BNG aposta catro a un a que o alcalde de Lugo, José Clemente López Orozco, non será capaz de investir o ano que vén os 2 millóns de euros conseguidos para a nova ponte a través dunha enmenda nacionalista. O voceiro do Bloque no Congreso dos Deputados, Francisco Rodríguez, afirmou que “hai un 80% de probabilidades de que ese diñeiro non se gaste no 2007”. A ponte sobre o Miño atópase “nunha fase iniciática” e “facer o estudo de impacto ambiental e o proxecto leva máis dun ano”, afirmou Rodríguez. A esta circunstancia engádese “a provervial ineficacia de Orozco”, dixo Xosé Anxo Lage, voceiro do BNG no Concello. De non gastarse no 2007 eses cartos perderíanse.
Francisco Rodríguez, que participou activamente na negociación co Ministerio de Fomento para lograr aumentar a partida para a nova ponte, compareceu acompañado por Xosé Anxo Lage e por Antón Bao, voceiros do BNG no Concello e na Deputación respectivamente, para explicar como foi o proceso de negociación en Madrid. Rodríguez dixo que “no Ministerio de Fomento non sabían nada da reclamación do señor Orozco de tres millóns para a ponte”, polo que criticou ao alcalde de Lugo por “ter actuado de xeito irresponsable anunciando unha partida que non tiña negociado con ninguén”. Francisco Rodríguez dixo que “o BNG fíxolle en Madrid a Orozco o traballo que non lle fixo o PSOE” e dubidou do compromiso dos deputados socialistas no aumento das partidas para a ponte pois, dixo, “puideron ter presentado a súa propia enmenda sen depender do BNG e non o fixeron”.
O voceiro nacionalista no Congreso destacou o “logro” do BNG no debate dos Orzamentos do Estado para o vindeiro ano ao conseguir un incremento de máis de 60 millóns de euros (61,9 millóns de euros) e insistiu en que “con tan só dous deputados en Madrid o Bloque conseguiu 10.000 millóns das antigas pesetas, que é moito se se compara co conseguido polo PNV ou o logrado por CiU”, dixo.
O BNG vai estar “vixiante” para que os cartos para a ponte se invistan
Xosé Anxo Lage, voceiro nacionalista no Concello, pediu, pola súa banda, a Orozco que “agora que xa ten cartos, se poña dunha vez a traballar para que comecen as obras o ano que vén”. “Nós imos estar moi vixiantes para que eses 2 millóns de euros logrados a través dunha enmenda do BNG se invistan”, anunciou Lage. Explicou tamén que o BNG esixirá que no vindeiro ano figuren nos Orzamentos “o resto dos cartos para a ponte”, que está valorada nuns 7,9 millóns de euros.
Lage pediu tamén ao alcalde de Lugo que “aclare canto antes onde vai ir colocada a ponte”. “Aínda non se sabe cal vai ser a súa ubicación definitiva e é o primeiro que hai que establecer”, dixo.