“Vostedes están mirando para outro lado ante esta situación” advertiu Xabier López na quenda de réplica, logo de que o voceiro do PP e tenente de alcalde chegase a soster que desde o goberno municipal “no nos vamos a meter en competencias de la Policía Local”. “O noso patrimonio está sufrindo un deterioro que salta a vista” observou Xabier López, debido ao “aparcamento tolerado” polo goberno do PP en zonas onde non está permitido.
Desde o Consello Local calificaron de esperpénticas as declaracións do voceiro do goberno municipal nas que declinaban dictar ordes á policía municipal para atallar o aparcamento indiscriminado no Casco Vello e “querendo botar ao BNG contra a policía municipal”. “Foi o PP o que insultou aos funcionarios municipais no pasado recente” lembran desde a agrupación nacionalista, relatando que a hoxe alcaldesa acusou no último pleno anterior ás eleccións “ao secretario de falsear un acta, aos técnicos de redactar informes a medida” e mais “instigou á insubmisión contra as normas de circulación” en varios episodios. A dirección nacionalista relata, ademais, que foron varios os veciños afirmaron ver á alcaldesa e outros dirixentes locais do PP baixar en coche “pola Porta da Vila abaixo, en dirección contraria”.
“Todo Betanzos ve como, desde que goberna, os edís do PP aparcan diante do Liceo mesmo cando é ostentosamente contrastábel que non están no concello” polos días e horas en que se ven os coches, advirten desde o Consello Local. No Pleno, o edil Xabier López observou que “o día que comezou a campaña a policía moi dilixentemente se dirixiu a varios vehículos estacionados na Porta da Vila”, advertindo ao goberno municipal de que “por elegancia” non ía dicir quen eran os que correron a mover os coches. “Afortunadamente hai cámaras de fotos”, concluíu. Para o Consello Local, todo Betanzos é consciente de que “desde que goberna o PP, amañaron un espazo para aparcar cando lles pete” diante do Liceo, calificando a medida de “dereito de pernada”.