> Novas
Jorquera reclama que Galiza poda adaptar o seu horario á súa hora natural

O senador do BNG lembra que co recente cambio de hora “mentres que o conxunto do Estado aforrará un 5% no consumo de enerxía, en Galiza o aforro a penas será dun 1%”

Madrid, 29 de Outubro 07. O senador do BNG, Francisco Jorquera, vén de presentar unha iniciativa na Cámara Alta na que lle demanda ao Goberno Central que adapte o horario de Galiza á súa hora natural “para mellorar deste xeito o aproveitamento da luz solar, coas múltiples vantaxes que isto suporía para a sociedade galega, dende un maior aforro enerxético até a súa repercusión no conxunto da economía e nunha mellora da calidade de vida”.



Francisco Jorquera considera que en Galiza “as motivacións enerxéticas do cambio horario desta fin de semana son máis que dubidosas, debido a que o noso país está situado nun fuso horario que xeográficamente non lle corresponde”.

Debido ao desfase horario Galiza só aforra co cambio horario un 1% no consumo enerxético, mentres que no conxunto do Estado o aforro é do 5%

Isto fai que, “mentres que o aforro enerxético previsto co cambio de hora no Estado español é dun 5% -dados do Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE)- , en Galiza –de acordo cos dados do Instituto Enerxético de Galiza (INEGA)- o aforro é tan só dun 1%”.

Se analisamos o aforro no consumo de electricidade o desfase é aínda maior. Así ,mentres que nos territorios situados no centro e no leste da Península, e por tanto nun fuso horario máis achegado ao que lle corresponde xeográficamente, o aforro no consumo de electricidade co cambio horario chegará até un 10,3%, caso de Cataluña, en Galiza o aforro en iluminación será de tan só dun 0,4%.

Galiza atópase no mesmo meridiano que Portugal ou Irlanda e polo tanto debería ter a mesma hora

“O factor enerxético –conclúe Jorquera- vense así a se engadir a outros moitos –de tipo económico, social ou medioambiental- que xustifican a necesidade de que Galiza adapte o seu horario á súa hora natural”.

Por iso, o senador do BNG considera que o Goberno Central, competente na materia, “debería recoñecer o que constitúe unha realidade evidente: Galiza atópase no mesmo meridiano que Portugal ou Irlanda e polo tanto o seu horario debería estar situado unha hora menos que á correspondente ao Estado español para aproveitar máis a luz solar e desfrutar das numerosas vantaxes que isto supón”.

Neste sentido, o senador nacionalista pregúntalle ao Goberno se coñece os dados do INEGA segundo os cales Galiza só aforrará un 1% no seu consumo enerxético co cambio horario do pasado domingo e pédelle que explique porqué este aforro no conxunto do Estado español será moi superior: dun 5%.

“Non cre o Goberno que a escasísima repercusión en canto ao aforro de enerxía en Galiza co cambio horario débese a que a súa hora oficial non se corresponde coa súa hora natural, impedindo así un maior aproveitamento das horas se luz solar?” inquire Jorquera.

“Polo tanto –continúa-, ¿non considera o Goberno necesario e totalmente xustificado que o horario oficial en Galiza se atrase unha hora para que se corresponda co seu horario natural, coas múltiplas vantaxes que isto suporía para a sociedade Galiza?”.

“Está disposto o Goberno a iniciar os trámites necesarios para satisfacer esta xusta demanda?. En caso contrario, por qué motivo?”, conclúe o senador do BNG.

|imprimir|